Integra Futuros Sostibeis

Xestión de espazos naturais

En Integra especializámonos na recuperación de espazos naturais e seminaturais que combina a xestión ecolóxica, melloras de acceso, a promoción do turismo natural, a educación ambiental e a participación cidadá. O noso papel pode ser a coordinación de todo o proceso de implantación do proxecto, ou sinxelamente o asesoramento, axudando co deseño e coa busca de financiamento.

Nos nosos proxectos de recuperación de espazos naturais, intentamos fomentar a xestión integrada (prema aquí para saber máis sobre a xestión integrada de espazos naturais e o desenvolvemento sostíbel), cos seguintes temas como piares da xestión:

Restauración ecolóxica

O río Almofrei, Pontevedra

A recuperación e o mantemento do valor para biodiversidade é o fundamental, e forma o marco para todas as demais intervencións. Porque é o noso deber, mais tamén porque asegura que o espazo sempre terá o mesmo encanto, o mesmo valor para visitantes que ten no presente.

Temos experiencia de restauración de ecosistemas de areais e dunas, de ríos e ribeiras, de humedais, pradarías e bosques. A nosa formación en ecoloxía, e anos de experiencia xestionando espazos protexidos no Reino Unido nalgunhas das organizacións conservacionistas máis prestixiosas, permítenos deseñar as intervencións máis axeitadas para facilitar o funcionamento dos procesos ecolóxicos naturais. Ás veces simplemente limitamos o acceso para permitir a rexeneración natural, mentres que ás veces tomamos un mando máis activo: por exemplo, ao eliminar especies invasoras, ao retirar canalizacións para recrear ribeiras máis naturais, e ao facer plantacións novas.

Xestión de visitantes

Proteción de hábitats a través do control de acceso

Xestionar ben o acceso é fundamental. Por un lado, o bo acceso permite o gozo do espazo, para turistas ou para os veciños do lugar. É fundamental se apostamos no turismo como parte do futuro económico do rural galego. Por outro lado, demasiado acceso sen control pode causar un impacto que destrúa a zona como hábitat.

Unha boa política de acceso ten que estar planificada para maximizar o gozo, pero minimizar o impacto e evitar as zonas máis sensíbeis. A maioría dos espazos naturais poden acomodar visitantes, e pasarelas, merendeiros e áreas recreativas son todas ferramentas importantes para atraer xente e facer unha visita máis agradábel. Mais atraer a visitantes sen prexudicar o ecosistema non é cuestión de sorte: é cuestión de entender o funcionamento do ecosistema e actuar dentro do marco creado pola xestión ecolóxica.

Xestión como recurso educativo

Creación dunha plataforma para estudar o hábitat dun humedal

A mellor aula para aprender sobre a natureza, e o noso impacto nela, é a propia natureza. A mesma infraestrutura que permite o acceso a visitantes permite o desenvolvemento do espazo como extensión da aula. Nos espazos onde traballamos, creamos materiais interpretativos e educativos, e coordinamos programas e actividades educativas dentro e fóra do sistema escolar, para todas as idades.

Xestión para capacitar a cidadanía local

As diferentes xeracións participan na restauración dun antigo areal

A xestión e recuperación de espazos naturais moitas veces permítenos desenvolver unha axenda socio–cultural paralela. A consulta pública, a animación e a formación de voluntarios, actividades e eventos públicos, o enlace con obradoiros de emprego etc., todo fomenta que a poboación local non só teña un interese senón tamén un sentido de responsabilidade para o seu espazo natural.


A fondo: a xestión integrada de espazos naturais e o desenvolvemento sostíbel.

Accesibilidade

Tamaño de fonte

Escolle un estilo

Pond

Deseñada por
Unicursal Path

Level A conformance icon, W3C-WAI Web Content Accessibility Guidelines 1.0 Valid XHTML 1.0 Strict

Inicio | Servizos | Contacto